Ligoteando polo Miño

Corenta persoas están inscritas para gozar esta fin de semana de románticos paseos polo Miño a bordo de batuxo e catamarán co programa Ligoteando, unha modalidade das actividades lúdico medioambientais Lugoteando, organizado pola Deputación en colaboración co Concello lucense para potenciar o ocio ecolóxico e poñer en valor o río.


Mañá venres arrancan os paseos en batuxo –unha velada de 30 minutos a bordo desta tradicional embarcación galega con degustación dun cóctel de produtos autóctonos- e o sábado celebrarase pola súa banda a segunda e última sesión das Noites Máxicas -un paseo en catamarán cun espectáculo de ilusionismo e maxia, máis degustación de pinchos-. En ámbolos dous casos as travesías comezarán ás 20:00 horas.
Polo demais, este sábado e domingo continuarán o resto de actividades de ocio ecolóxico de Lugoteando, con máis de 60 persoas anotadas. Haberá wakeboard, opción para a que unha fin de semana máis as prazas están xa cubertas; bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; os sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf, que tonifica todos os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; paseos en batuxo –antigas barcas de madeira hoxe moi difíciles de ver- e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.


Tras a fin de semana, haberá máis actividades no Miño os días 28 e 29 de maio e o 4 e o 5 de xuño. A oferta programada está dirixida a toda familia e custa 5 euros por persoa para potenciar a participación.


En canto a Ligoteando, continuará o 27 de maio e o 4 de xuño con Paseos Chill Out, unha travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel de produtos autóctonos que ten un prezo de 15 euros. Así mesmo, haberá outro paseo en batuxo o 28 de maio. A inscrición neste caso custa 10 euros.