Intervencionismo alimentario

Hai un debate que me ronda a cabeza e sobre o que aínda non logrei posicionarme, quizais porque abarque multitude de cuestións. É o referente ao intervencionismo cultural. Xa saben, corrixir -normalmente a base de imposicións máis ou menos veladas- certos comportamentos doutros grupos que non nos parecen “de recibo”. Pódennos vir á cabeza exemplos de determinadas prácticas como a ablación ou o uso do burka, que a sociedade “civilizada” pretende erradicar pero, sen chegar a eses extremos, tamén os cambios forzados nas condutas alimentarias poderían considerarse intervencionismo cultural.
A homoxeneización das nosas dietas que certas empresas e cadeas hostaleiras promulgan ataca de raíz a cultura gastronómica dos diferentes pobos. E non esquezamos que a gastronomía está relacionada con numerosos aspectos, non só coa cocción de alimentos. Como dixo recentemente nunha entrevista Carlo Petrini, fundador e presidente do movemento Slow Food, “se un país non ten cultura gastronómica e se limita ás receitas, cae na pornografía porque non ten alma, só ten receitas. É como cando só hai sexo sen amor”.
Sen entrar en intimidades, si é certo que a gastronomía -como calquera outra actividade máis ou menos artística- non pode desligarse do territorio no que se desenvolve. E tampouco da época na que sucede. Pero a chegada de novos alimentos e xeitos de preparalos ¿pode considerarse intervencionismo ou é enriquecemento? É dicir, unha empanada elaborada por un cociñeiro galego é menos galega porque inclúa, por poñer un exemplo, salmón noruegués? Por iso me pregunto se as técnicas introducidas por cociñeiros como Ferrán Adriá podemos dicir que xa son parte da gastronomía española... (Continuará).
Por certo, falando de cociñeiros de postín, saiban que por moitas estrelas Michelin que ostenten, ao final son seres humanos e teñen os seus “vicios” gastronómicos. Como recolle Mikel Iturriaga en El País, o pracer oculto de Ferrán Adriá é o Bollycao; Paco Guzmán pírrase polas pizzas e “canto máis cutres, mellor”; Dani García apúntase ás pipas con sal e Andoni Aduriz, aos donuts de fábrica. ¿Haberá quen bote as mans á cabeza? Hai xente para todo. Vai un martini?


Martina Vicente (Grupo HG&T)