Comeza a veda do polbo

Este venres comeza a veda do polbo, que rematará o vindeiro 4 de xullo. Así o recolle a resolución do 6 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños pola que se establece o periodo de veda para o polbo para o ano 2011, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 20 de maio. Segundo recolle o texto, as nasas de polbo deberán ser levantadas e levadas a porto o venres 27 de maio ás 16:00 horas da tarde e non poderán volver a calarse ata as 6:00 horas da mañá do luns 4 de xullo.

Mar entende o establecemento dunha veda para o polbo como unha medida que permita obter resultados positivos sobre o estado do recurso, para garantir a protección e rexeneración desta especie. Para iso, a Administración, baseándose en estudos técnicos, considera que a veda debe reforzarse con outras medidas técnicas como a talla mínima, os topes de capturas, o número de nasas e a redución do esforzo a través dun horario de traballo limitado, tal e como se fixo no 2010.