Camino Triguero participa no Encontro Compostelán en Italia

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, participará en Perugia no XXIII Encontro Compostelán en Italia, unha xuntanza que reunirá durante os días 28 e 29 de maio a peregrinos e especialistas xacobeos chegados dende todos os lugares de Italia. Esta reunión, que se realiza todos os anos, coincide coa celebración do trinta aniversario da Confraternita di San Jacopo, a confraría de peregrinos organizadora do encontro que foi fundada en 1991 por Paolo Caucci con Saucken e que hoxe conta xa con 1.600 membros repartidos por todo o territorio italiano.

Con motivo desta xuntanza, a Igrexa de Santo Stefano de Perugia acolleu hoxe a inauguración da exposición fotográfica Una confraternita sempre in Cammino. Esta mostra contén imaxes da propia confraría, un recordo para os seus membros sobre as súas continuas peregrinacións ao longo das vías a Santiago de Compostela, Roma e Xerusalén.

Á inauguración oficial deste encontro, que terá lugar hoxe sábado no Auditorio de Santa Cecilia, ademais da directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, asistirá o presidente da Confraternita di San Jacopo, Paolo Caucci von Saucken. A continuación haberá un encontro da sección científica da asociación Centro Italiano di Studi Compostellani, coa participación de académicos italianos e españois, que presentarán as aportacións aos estudos xacobeos do último ano e debaterán o estado actual das investigacións xacobeas e as súas perspectivas de futuro.