Vigo reúne a máis de 200 profesionais do sector turístico

A cidade olívica acolle, ata o venres, a Feira MITM Euromed de empresas, touroperadores e organismos de viaxes e turismo. O evento desenvólvese no Auditorio-Pazo de Congresos Mar de Vigo e reúne a máis de 200 profesionais procedentes de 20 países diferentes.

"Trátase dun encontro moi importante para a nosa cidade porque fará de Vigo o centro no que se pechan un gran número de viaxes de incentivo e de congresos", afirmou o edil de Turismo, Santi Domínguez. Ao seu xuízo, as campañas promocionais por diferentes países son moi importantes, "pero traer aos profesioais do sector turístico á nosa cidade é fundamental porque eles deciden onde se celebrarán os congresos", salientou.

Santi Domínguez salientou que este evento completa o traballo desenvolvido polo Vigo Convention Bureau, que ademais deste congreso ten prevista a celebración doutros 11 eventos este ano. Asegurou que traerán á cidade máis de 9.000 visitantes e un retorno económico superior aos 8 millóns de euros.