O Castro de Baroña, ben de interese cultural

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, en favor do Castro de Baroña, no termo municipal de Porto do Son, na provincia da Coruña.

O Castro de Baroña é un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia, e a súa imaxe converteuse nunha icona da paisaxe representativa da costa e do patrimonio galego. Este xacemento é un dos máis visitados da comunidade e representa un dos mellores exemplos de castro dos chamados costeiros. A localización do castro sobre unha punta que se adentra no mar condiciona unhas boas defensas naturais e tamén a súa asociación cunhas formas de vida ligadas ao mar e aos recursos marítimos. O xacemento, configúrase aproveitando a morfoloxía rochosa e abrupta da península sobre a que se asenta.