O Barco Muralla de Lugo, en Mondoñedo

O Barco Muralla de Lugo sumarase aos atractivos das Feiras e Festas das Quendas que se celebran esta fin de semana en Mondoñedo. A Deputación aproveita deste xeito a multitude de persoas que se concentra nesta cita festiva, con máis de 400 anos de historia, para dar a coñecer os atractivos naturais de Lugo e a súa Costa. A embarcación estará “amarrada” entre o sábado e o luns na rúa Marina Mayoral e poderá ser visitada de maneira totalmente gratuíta.

As Feiras e Festas das Quendas reúnen cada ano na cidade episcopal a centos de veciños da comarca mariñana e do resto da provincia. A feira de gando e a Festa da Empanada, que chega neste 2011 á súa 28ª edición, son os principais ingredientes deste festexo, no que tamén haberá funcións de monicreques e de teatro, e verbenas a cargo de orquestras de sona. A programación arranca o sábado co típico desfile das raíñas das festas e o pregón, que nesta ocasión corre a cargo do mindoniense Francisco Piñeiro González, mestre, escritor e fundador de varios grupos teatrais da Mariña.