Novas festas de interese turístico

A Consellería de Cultura e Turismo elevou para a súa aprobación o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia do ‘Arde Lucus’ de Lugo, a Feira dos Santos de Monterroso (Lugo), a Festa do Corpus Christi Alfombras Florais de Ares (A Coruña) e a Festa Gastronómica do Galo de Curral de Vila de Cruces (Pontevedra). A Secretaría Xeral para o Turismo, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, valorou para a declaración destas celebracións diferentes criterios como a antigüidade, a singularidade, o arraigo e o valor cultural que posúen dentro do panorama cultural galego.

A declaración ten importantes repercusións sobre a dinamización económica e social destas localidades, ao tempo que contribúe á promoción de todos os recursos turísticos das comarcas.