Máis barato asistir a feiras

A Consellería do Mar optimizou nesta lexislatura a xestión económica na asistencia ás feiras para promocionar os produtos pesqueiros galegos, sen diminuír a calidade nin a cantidade de servizos prestados nos certames en que se participaron. Así o reflicte un informe elaborado pola Consellería e trasladado hoxe ao Consello da Xunta que recolle unha rebaixa no prezo por metro cadrado de adxudicación de máis dun 42% con respecto ao ano 2007.

Así, o custo medio foi de 732 euros no ano 2007 fronte aos 421 euros deste ano, o que supón un importante aforro. Isto tradúcese nunha rebaixa do custo medio por expositor participante de case un 40% no mesmo período.

O informe recolle tamén que, ao longo de 2011, a Consellería do Mar estará presente en 10 certames cun total de 113 coexpositores, entre empresas e asociacións, cun investimento de 1.273.480 euros, cofinanciado polos Fondos Europeos da Pesca (FEP). Acode a unha feira menos que no 2010, xa que Alimentaria, unha das máis importantes a nivel internacional e que congregou a 33 coexpositores, é de carácter bienal e non se celebrará este ano.