Citas gastronómicas e festivas para a fin de semana

Esta fin de semana chega chea de propostas para o tempo de lecer, sobre todo de festas gastronómicas. Unha delas é a do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón. O sábado comezan os actos coa apertura das adegas en torno ás doce do mediodía. Polo serán, os asistentes poderán degustar chourizos e viño de xeito gratuíto. O domingo continúan os actos coa lectura do pregón a cargo do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro.

Na Pontenova celebran a Festa da Troita, de Interese Turístico Galego. Haberá actos durante toda a fin de semana, se ben os concursos de pesca e a degustación resérvase para o domingo. Ás 15.30 celebrarase a Comida de Irmanamento coa Festa da Troita de Monforte.

En Láncara a protagonista é a tenreira galega. O domingo celébrase a décimo terceira edición desta festa que contará como pregoeira coa profesora da USC María Montes López. A comida incluirá un menú a base de carne de tenreira "ao caldeiro ou á grella", pan, viño, cervexa, refrescos, auga, sobremesa, café e augardente. Todo por oito euros por comensal.

No municipio de Porriño celébrase o domingo a festa popular de "Os Cachos", na que todos os asistentes poderán participar nunha degustación de centolas "Cachos" ao módico prezo de 10 euros. Tamén se repartirá rosca e viño de forma gratuíta.

E outra das citas gastronómicas da fin de semana é a Festa da Raia de Portonovo, unha excusa perfecta para achegarse a esta vila mariñeira pontevedresa.

Para os que busquen outro tipo de diversión, no municipio coruñés de Padrón séguense a celebrar os festexos da Pascua.