A agricultura ecolóxica, en alza

O valor da produción da Agricultura Ecolóxica certificada en Galicia medrou por riba do catro mil por cento (un 4.229%) na última década, segundo os últimos datos deste sector dados a coñecer polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez. No ano 2000 o valor desta produción na nosa Comunidade, controlada polo seu correspondente Consello Regulador, acadaba os 395.816 euros, mentres que no último exercicio de 2010 chegou ata os 17.137.877 de euros.

Segundo explicou o titular de Medio Rural, entre o 2009 e o 2010 o incremento da facturación foi do 21,4%, o que representa unha suba de máis de 3 millóns de euros no último ano. Samuel Juárez salientou o crecemento sostido deste sector nos últimos anos, tanto no que atinxe a superficie cualificada como a produtores e elaboradores. Así, a 31 de marzo de 2011, a superficie inscrita na nosa Comunidade é de 14.434 hectáreas, o que supón un incremento do 1,4% respecto dos datos do peche de 2009.

Canto aos operadores, o número total dos mesmos pasou de 547 en 2009 a 573 en 2010, o que representa un aumento do 4,7%. Os produtores pasaron de 469 a 484 (cun medre do 3,1%), incrementándose tamén a cifra de elaboradores (pasou de 78 a 89, un 14% máis), feito destacable, xa que é fundamental para mellorar a comercialización do produto ecolóxico elaborado.