Unha palabra túa: UNIVERSAL ITER STELLARUM [J M Palmeiro]

A menos de dous meses para o peche da Porta Santa da Catedral de Santiago e do Ano Santo Compostelán, que fai o número 119 no eclesial reconto desde 1182, contemplo a nova e moi temporal imaxe da Praza do Obradoiro. Ese espazo público, meta dos Camiños configuradores da Ruta Xacobea e kilómetro cero da capital de Galicia, aparece transformado pola construcción do escenario destinado a acoller a palabra e a presenza oficiante do Papa Benedicto XVI. A segunda visita-peregrinación dun Pontífice e a primeira nun Ano Xubilar.

Un evento importante pola súa significación e proxección e polo apoio á peregrinación e ao Camiño de Santiago. Tamén un notable esforzo económico e loxístico para afrontar os custos das pompas do cerimonial en tempos de vacas flacas. Críticas, minorizadas, houbo polos investimentos necesarios para unha viaxe e unha presenza de só oito horas. Palabras tamén distanciadoras, por causa doutras circunstancias ratzingerianas, nun entorno de favorable acollida. Cara e cruz.

Con todo, alén dos ecos favorables e adversos, queda o impulso do Papado ao Iter Stellarum, milenario Camiño de Futuro, espazo de encontro, convivencia e diálogo nunha Europa necesitada de asideiros unionistas, universo tentador para a humanidade do século XXI e referente dunha Galicia de universal proxección. O Camiño das Estrelas está composto de pasos, palabras, plegarias e esforzos individuais e colectivos, cerne da súa universal dimensión. Así foi no tempo do Códice Calixtino (s. XII). Así é na era de Internet e das Redes Sociais. Algo desto falamos no curso das I Xornadas de Comunicación e Turismo celebradas polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Vigo, á beira do Camiño Portugués. Apuraban  os obreiros a edificación do Papal escenario en Compostela de Galicia.

Xosé Mª G. Palmeiro