Arzúa agarda a participación de milleiros de persoas na Festa do Queixo

Ata o domingo, o queixo é o protagonista en Arzúa, vila que adopta estes días un valor engadido desde a perspectiva cultural, económica, formativa e de lecer, a través dunha intensa e rica programación de actividades. A programación comeza este venres co concurso de Tapas e Petiscos, que se celebra por quinto ano consecutivo e que organizan o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e a Asociación de Hostalería de Arzúa. A partir das 18.30 h, e durante toda a fin de semana, nos 17 establecementos participantes de hostalería de Arzúa poderanse degustar as exquisitas tapas creadas para esta edición.

O xurado valorará a presentación final, a textura, o sabor, a orixinalidade e a impresión final que causa cada pincho. O hostaleiro ou hostaleira cuxo pincho ou tapa obteña a maior puntuación será distinguido/a polo Consello Regulador e a Asociación de Hostaleiros durante a mañá do domingo.

Pero ademais, todos aqueles que se acheguen a Arzúa poderán gozar dun intenso programa de actividades no que destacan as actuacións musicais de, entre outros, Delinqüentes e Susana Seivane.