A Xunta promociona o fenómeno Xacobeo en Estados Unidos

Xunta de Galicia está a participar estes días en Washington nun conxunto de actos que teñen como obxectivo presentar e difundir o Camiño de Santiago nos Estados Unidos. A Consellería de Cultura e Turismo promove estas actividades, que consisten na presentación da película The Way, integrada na programación de Xacobeo 2010, e na celebración dun encontro de profesores universitarios norteamericanos que pretende difundir e estudar o Camiño de Santiago e afondar no fenómeno da peregrinación. O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, está a exercer a representación institucional da Xunta de Galicia nestas iniciativas, que contan ademais coa colaboración da Embaixada de España en Washington, o departamento de Español e Portugués da Universidade de Georgetown e o William and Mary College de Williamsburg.