Xornadas formativas para guías turísticos do Paque Nacional Illas Atlánticas

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, xestionado pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, convoca por sexto ano consecutivo as “Xornadas formativas para guías e informadores turísticos sobre o Parque Nacional”.

O prazo de inscrición abriuse o pasado luns, 14 de febreiro de 2011, até o vindeiro 28 de febreiro. De carácter gratuíto, estas sesións van dirixidas a técnicos, informadores e guías turísticos que desexen coñecer os valores naturais e culturais do único Parque Nacional galego, co obxecto de difundir dita información coa máxima precisión posible.

Estas xornadas pretenden, tamén, promover unha visión integral da rede de espazos naturais galegos transmitindo aos participantes a necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional en particular e dos espazos naturais protexidos en xeral, e a importancia da súa labor na transmisión de ditas premisas aos visitantes destes ecosistemas.