O Ribeiro arranca a tempada de feiras vinícolas en Avilés

O C.R.D.O. Ribeiro estrea nova tempada en Salenor, feira de carácter mixto dedicada ao ámbito da alimentación e bebidas, que se está celebrando estes días na cidade de Avilés (Asturias). Os viños do Ribeiro acoden a este mercado de proximidade cunha proposta atractiva, un espazo aberto de degustación no que os amantes do bo viño poden desfrutar dun total de vinte marcas comerciais, e coñecer o carácter dunha D.O. moderna que acolle no seu seo variedade e diversidade nas elaboracións.

Coincidindo en datas, o Ribeiro acudiu a unha das principais citas gastronómicas do ano, o Fórum de Girona, onde desenvolveu actividades de harmonías dos viños de Ribeiro con distintos produtos de calidade con firma galega. No stand da Consellería de Medio Rural, o sumiller Xoán Cannas, estivo ao fronte das catas-harmonía nas que se degustaron as conservas de Anhaco, en receitas elaboradas polo cociñeiro Héctor López, con 5 modalidades de viños do Ribeiro, en representación dos distintos vales e elaboracións da D.O. Así como, nunha segunda actividade na que o Tostado de Ribeiro se presentou en compaña das cañitas de crema da empresa carballiñesa Cerviño.