O Fragón, A Gabeira e Casa Pendás en Girona

A Deputación da Coruña organiza dous ateneos no Fórum Gastronómico de Girona, nos que catro cociñeiros da provincia impartirán sendas degustacións de produto diante dun escollido auditorio de 90 profesionais (cociñeiros, hostaleiros, xornalistas gastronómicos…).

Nestes ateneos os asistentes poden descubrir os segredos do xénero e probar de seguido os resultados. Trátase dunha oferta decidida entre produto e o seu lugar de orixe.

O luns 21 será o momento para a degustación de produtos naturais da Costa da Morte, da man de María Josefa Insua Canosa e Francisco Insua Fernández, do restaurante O Fragón de Fisterra.

Anabel Piñeiro, responsable da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte salienta as posibilidades de daren a coñecer o turismo e a gastronomía da bisbarra na cita en Catalunya. A divulgación da oferta e a aposta pola especialización está recollendo froitos: “Hai que traballar nesta liña pois comprobamos que comeza a estenderse a idea de que o produto da Costa da Morte é de calidade”.

Percebes marinados, Longueirón en escabeche ou en paté e Embutidos artesáns maridarán con diversos viños das denominacións de orixe galegas nesta acción de promoción.

Os dous chefs de Fisterra e o seu restaurante destacan pola súa progresión e innovación; así, Anabel Piñeiro apunta que “so no Restaurante O Fragón é posible probar o paté de longueirón”.