O Concello promocionará Vigo nas principais cidades de España e Portugal

O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, presentou á directiva de Ahosvi as novas iniciativas de promoción turística que vai desenvolver a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo. Unha das novidades será a unidade móbil que percorrerá diferentes cidades do Estado español e Portugal para dar a coñecer a oferta turística de Vigo.

A reunión de traballo que mantivo o edil con Ahosvi forma parte da rolda de contactos periódicos que mantén cos diferentes organismos implicados no sector turístico para coñecer as súas necesidades e avaliar a efectividade das medidas postas en marcha. “Para nós é moi importante estar en permanente contacto co sector e traballar en permanente colaboración con el porque temos un obxectivo común: impulsar o sector turístico da cidade”, indicou.

Nas vindeiras semanas, a unidade móbil empezará a percorrer diferentes cidades españolas e portuguesas amosando a oferta turística da cidade. “Vai ser un elemento de promoción moi importante para Vigo, xa que presentará a nosa oferta en destinos que sabemos que son susceptibles de achegar visitantes á nosa cidade”, indicou o nacionalista.