Galicia deixa a súa pegada no Fórum de Girona

Estes días, a cidade de Girona convértese na auténtica capital da gastronomía en España, coa celebración do Fórum Gastronómico. Neste salón Galicia está tendo un gran protagonismo, tanto da man das institucións públicas como das diferentes empresas e profesionais que quixeron estar presentes. Así, a Xunta está a celebrar diferentes actividades promocionais con presenza de cociñeiros como Taky Rodríguez Ponte pero, ademais, Galicia está en boca de todos por recoñecementos como o que obtivo a auga Magma, de Cabreiroá, premiada na categoría de Mellor Packaging.

Os encargados de entregar o premio á auga galega foron o presidente da Generalitat, Artur Mas, e o cociñeiro Ferrán Adriá. Precisamente, o chef anunciou neste foro que non volverá dar conferencias nos próximos anos. Adriá aproveitou a súa participación no Fórum para render unha sentida homenaxe a Santi Santamaría, recentemente falecido, cun minuto de silencio.

Por outra banda, a Costa da Morte tamén está presente no Fórum con todos os seus atractivos. Puxéronse de manifesto nunha degustación de produtos elaborados polos responsables do restaurante O Fragón. Non faltaron os percebes de O Roncudo, os longueiróns ou os embutidos artesanais. Entre os asistentes atopábanse o vicepresidente da Deputación coruñesa, Pablo Villamar, ou o presidente da APTCM, Manuel Pan.