Cultura e Turismo incluirá a carpintería de ribeira de Bueu no inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, incoará o procedemento de inclusión do estaleiro ou carpintería de ribeira de Purro, en Bueu, no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Esta catalogación protexerá un antigo estaleiro que é único en Galicia, e a súa recuperación e posta en valor será unha oferta complementaria moi importante para o Museo Massó e un atractivo turístico para a vila.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural decidiu inventariar este ben pola súa importancia histórica e o seu interese científico, cultural e social.

O Estaleiro de Purro está intimamente ligado á memoria colectiva de Bueu e a súa existencia está vinculada á actividade pesqueira. O seu principal valor descansa no feito de que é a última testemuña que queda na zona dunha actividade que dominou as costas galegas e que hoxe está en vías de extinción.