Carmen Pardo explicou a experiencia galega en termalismo nas xornadas Wellness de Barcelona

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, ofreceu unha conferencia sobre a política termal desenvolvida pola Consellería de Cultura e Turismo nas II Xornadas profesionais de Termalismo e Wellnes organizadas pola revista especializada Tribuna Termal e patrocinadas polo grupo Cosmobelleza e Prim Spa. Nos encontros, que se celebraron en Barcelona, a secretaria xeral falou do termalismo en Galicia como un recurso endóxeno, exclusivo, desestacionalizador e favorecedor do desenvolvemento rural e do reequilibrio territorial.

Pardo López abordou a situación da oferta termal en Galicia e tamén a política termal desenvolvida pola Xunta de Galicia. Resaltou a gran variedade de augas minerais existentes na nosa comunidade, debido á diversidade de terreos nas que se atopan, así como o feito de que Galicia conte con 20% da oferta termal de todo o Estado, co maior número de balnearios e talasos de España e tamén con máis de 300 mananciais -1 por cada 10.000 habitantes-. Non en van, “Galicia ocupa o primeiro lugar de España en número de balnearios e o 5º lugar en número de talasos”, dixo.

No relativo á comercialización, Carmen Pardo comentou as iniciativas que neste senso se puxeron en marcha dende a Secretaría Xeral para o Turismo e tamén a través de Turgalicia como o programa ‘Vive Galicia’, o plan de desestacionalización ou os programas de achegamento ao termalismo en colaboración con outras direccións xerais e organismos, como ‘Outono nas Termas’ ou ‘Noites saudables para a mocidade galega’, ou ‘Balenarios de Galicia, un descanso en el Camino’.