A Xunta adquirirá o Castelo de Pambre para fins turísticos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a Xunta adquirirá o Castelo de Pambre tralo acordo alcanzado cos actuais propietarios, de xeito que este conxunto histórico construído a finais do século XIV pasará a formar parte do patrimonio de todos os galegos e converterase nunha fortaleza con fins turísticos. O obxectivo será conservar o castelo “e poñelo a disposición do turismo, da economía e da riqueza desta Comarca da Ulloa e de Galicia enteira”, matizou o presidente.

Neste sentido, Feijóo quixo agradecer a colaboración dos propietarios da fortaleza, os Hermanos Misioneros dos Enfermos Pobres, “xa que a aportación que faremos os galegos para adquirir este patrimonio en prol de Galicia é unha aportación de estrito carácter social”.

Feijóo destacou que dende que o Castelo de Pambre se abriu ao público o pasado mes de xuño, preto de 14.000 visitantes se achegaron ata esta fortaleza; e mostrouse convencido de que a partir de agora “non só consigamos manter, senón que incrementemos estas cifras e que o Castelo de Pambre non só sexa unha fortaleza que encha de orgullo aos veciños, senón que tamén sexa unha fortaleza para a economía do Concello”.