Porco no sur de Galicia e de romaría en Cariño

Son varias as citas festivas desta fin de semana. Falando das claramente gastronómicas, atopamos dúas convocatorias en concellos do sur de Galicia. Por unha banda, no municipio de Nigrán celébrase unha nova etapa da súa particular ruta “Os andares do porco”. Nesta ocasión tócalle o turno ao lacón con grelos no lugar de Priegue. A última parada será o 6 de febreiro en Chandebrito, coa degustación de churrasco.

En Pazos de Borbén, pola súa banda, celébrase este domingo a Festa da Cacheira. Este ano cúmprese a décima edición e os organizadores agardan que volva ser un éxito de público. Por se a climatoloxía non acompañase instalarase unha carpa. Este ano, como novidade, serviranse racións para levar.

Ao norte de Galicia a convocatoria é de carácter relixioso. Trátase da romaría de San Xiao do Trebo, no concello de Cariño. Como cada último sábado de xaneiro, a localidade convida a propios e alleos a achegarse á capela próxima a Ortegal e, de paso, gozar coas marabillosas vistas que ofrece o lugar.