Madridfusion beberá e comerá produtos galegos

Este martes comezou unha nova edición de Madridfusión, na que, de novo, están presentes os produtos galegos. Sen ir máis lonxe, a nova e vangardista auga de Cabreiroá, Magma, é a auga oficial da feira. Os cociñeiros Pepe Solla e Xosé T. Cannas acudirán este mércores á cita como embaixadores da marca. Ademais, Magma ten un stand totalmente innovador e sorprendente, segundo asegura a firma, na que todos aqueles que o desexen poden probar a auga.

Por outra banda, Anfaco patrocina, co apoio do FROM e a UE, o III Concurso Alta Cociña con conservas de pescados e mariscos, no que un experto xurado catará e seleccionará a mellor receita. O xurado estará composto, entre outros, polo cociñeiro Ramón Freixa e a xornalista Marta Fernández.

Ademais, entre as numerosas presentacións que se realizarán durante a feira, Conservas Hijos de Ramón Peña dará a coñecer as súas novas delicias gourmet. Nese sentido, organizou un show cooking en colaboración cos cociñeiros do Abastos 2.0, no que se elaborarán tapas a base de conservas da compañía.

Tamén participarán na feira os responsables do Abastos 2.0 de Santiago de Compostela.

A estrela do primeiro día de Madridfusión é Ferrán Adriá, que explicará o seu proxecto para elBulli.