Hemingway nos cursos sobre a cultura do viño de Lar das Meigas

A última sesión do II Curso de Cultura do Viño, Literatura e Música, que se celebra no Lar das Meigas de Santiago de Compostela, vai estar dedicada a Ernest Hemingway, renovador da prosa contemporánea, amante de lecturas, libros, viños e alcoholes plurais. Viaxeiro impenitente, visitou varias veces Galicia e probou os seus caldos. Declaraba que Santiago era a cidade española que máis o impresionara pola súa beleza.

Os comentarios do director do curso, Xavier Castro, e as lecturas de María Outes, darán conta das características esencias da súa obra literaria e tamén das súas suxestivas referencias á cultura do viño. Combinaranse estas exposicións coa audición de obras musicais relacionadas co escritor americano e a cultura do viño, ilustradas con vídeos. Os viños que se catarán nesta ocasión corresponden á adega Aldea de Abaixo (D.O. Rías Baixas).