Galicia presenta a súa oferta turística en Fitur para prolongar o efecto do Xacobeo

Galicia comezou a espallar en Madrid os seus atractivos turísticos. Da man de Turgalicia ou de Turismo Rías Baixas, fundamentalmente, os concellos galegos dan a coñecer a súa oferta tratando de resultaren chamativos para o público e, de paso, prolongar o efecto do Xacobeo. A Xunta aposta pola Cidade da Cultura e o aniversario da Catedral, mentres os municipios fan fincapé nas súas festas gastronómicas, riqueza patrimonial ou natural, etc.

Na primeira xornada, o presidente da Deputación de Pontevedra incidiu en que o turismo de proximidade e de accesibilidade, as novas tecnoloxías e a gastronomía de calidade serán as ferramentas de Rías Baixas para atraer a máis turistas en 2011. Nese sentido, Louzán explicou que o sector turístico ten unha importancia significativa para saír da crise e xerar emprego na provincia.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, sinalou que “a aposta polo turismo de calidade e unha excelente oferta turística” foron claves para que as Rías Baixas conseguisen recibir máis dun millón de visitas en 2010.