Cuestionan o éxito da promoción de Galicia en Fitur

Máis alá das cifras trunfalistas da Xunta, o certo é que a presencia de Galicia en Fitur non foi todo o positiva que se agardaba. Alomenos así o recolle Xornal de Galicia, que fai fincapé no “minifundismo” e nas “retesías entre administracións” que caracterizaron a promoción da nosa Comunidade en Madrid.

Di o xornal que a imaxe de Galicia non foi uniforme pois “a promoción das Rías Baixas e da provincia de Ourense mesmo estaban fóra do espazo de exposición de Galicia”. Ademais, segue o rotativo, a información do Camiño de Santiago, no que tanto se ten investido, “non tivo apenas visibilidade, relegada a uns folletos nunha pequena mesa”. Di o xornal que o Camiño tiña moito máis peso no stand de Castela e León.

O xornal tamén indica que as presentacións que se celebran en Fitur non teñen a efectividade que deberan pois a elas asisten “xornalistas galegos levados a Madrid polas propias entidades e un feixe de profesionais do sector, tamén galegos”. “Entre o público –segue Xornal de Galicia-, case ningún turista potencial nin turoperadores ou axencias minoristas que puideran vender Galicia ao consumidor final”.