Luz verde á proposta do BNG de que non se amplíe a concesión de explotación da AP9

A Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobou a proposición do deputado do BNG, Francisco Jorquera, quen demandaba ao Goberno garantías para non ampliar a concesión de explotación da AP9. Na defensa da súa iniciativa, o deputado nacionalista aludíu ao anuncio realizado polo ministro de Fomento o pasado 11 de outubro, quen explicitou en Compostela a intención de financiar a ampliación da AP9 tanto na ponte de Rande como no tramo urbano de Santiago, a costa de prorrogar a concesión que Audasa ten para a explotación desta autoestrada.

Neste sentido, Jorquera explicou que “a AP9 é un zumento negocio” e así aludiu ás cifras de beneficios de Audasa que tan só nun ano, ano 2009, aportou ao Grupo Itínere 156 millóns de euros “cando o investimento total de toda a AP9 foi de 1.498 millóns”. Unha concesión, puntualizou, que “debía expirar no ano 2023 pero no ano 2000 o Goberno de Aznar decidiu prorrogala até o 2048”.

Ademais, lembrou que a AP9, unha vía fundamental para vertebrar a fachada atlántica de Galiza e que non ten alternativa real xa que a “N-550 non é un itinerario alternativo dadas as súas características”.