Casa Ánxel, Arquesán, Prestes e Castelo, queixos de ouro

Os queixos Casa Ánxel, Arquesán, Prestes e Castelo obtiveron as Distincións de Ouro dentro da XIII Cata dos Queixos de Galicia; mentres que na IX Cata dos Meles de Galicia, as dúas Distincións de Ouro foron para Mieles J.S., no apartado de mel monofloral, e tamén para Mieles J.s. en multifloral. Os gañadores déronse a coñecer no decorrer dun acto celebrado en Palas de Rei, presidido por Alberto Núñez Feijoo e o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casadoeral.

O acto de entrega de premios celébrase despois de que expertos catadores analizaran nos primeiros días deste mes de decembro as 53 mostras de queixo e 23 de meles presentadas a concurso por empresas, cooperativas e produtores individuais acollidos ás 4 denominacións de orixe protexidas dos queixos galegos, e á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Segundo os datos achegados polo conselleiro durante o acto, a produción de queixo con denominación de orixe medrou un 24,5 % na última década, pasando de 4.100 toneladas anuais no 2002 a 5.500 en 2009. Pola súa parte a produción de mel amparada pola Indicación Xeográfica Protexida experimentou un incremento do 114%, desde as 169 toneladas rexistradas no ano 2000 ata as 363 do pasado ano.