A Xunta pide a reforma do Código Penal para que o furtivismo sexa delito

O subdirector do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, defendeu no Parlamento a necesidade da reforma do Código Penal para converter o furtivismo reincidente nun delito e amosouse convencido de que “é a mellor maneira de reducir a actividade ilegal no litoral galego”. Sexto sostivo que “é incongruente avanzar na defensa da normativa do eido ambiental se deixamos atrás as penas por quebrantala” e lamentou o rexeitamento do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, a esta postura “xa que o furtivismo tira por terra o traballo legal e responsable de moitos profesionais do mar”.

Sexto denunciou que o actual marco lexislativo é escaso e ineficaz, sobre todo pola impunidade da que gozan os furtivos ao declararse insolventes, a pesar do “importante esforzo” que fixo a Xunta “para aproveitar todas as posibilidades que ofrece o noso marco xurídico-normativo e administrativo”. “Cremos que non existen nel medidas suficientes para atallar o problema e que é necesario acudir ao Código Penal” dixo e solicitoulle ao ministro que reconsidere e valore a alternativa da Xunta” que, segundo lembrou, coincide coa do sector.