Xornadas sobre as TICs para turismo rural

Santiago, Allariz, Lugo e Moraña serán as catro localidades que acollerán as xornadas que sobre as TICs desenvolverán Turgalicia e as tres principais asociacións do sector, Fegatur, Agatur e Pazos de Galicia. A primeira delas será a que se celebrará na capital de Galicia, o vindeiro día 30, e a ela poderán asistir todas as empresas do sector que queiran. Nas outras, as que non sexan socias dos tres colectivos anteriores terán que pagar 35 euros, incluído o xantar.

Turis-tic quere ofrecer aos empresarios do ámbito do turismo rural as ferramentas necesarias para que optimicen os recursos comunicacionais e melloren a súa promoción e comercialización a través de Internet. Cada xornada divídese en dúas partes: unha adicada á comercialización e outra na que se realizará unha auditoría de impacto. As inscricións poden realizarse na web www.turis-tic.es ou no teléfono 902 233 131.