Remata o programa Vive Galicia 2010

As xornadas de experiencias do programa ‘Vive Galicia 2010’, impulsadas dende a Secretaría Xeral para o Turismo, remataron onte en Santiago. Un total de 50 axencias de viaxe galegas máis sumáronse ao programa, ademais das 16 iniciais, coas que naceu o paquete en xullo pasado. As xornadas viñéronse desenvolvendo ao longo de toda esta semana, dende o día 22, nas diferentes delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

O programa tiña como obxectivo difundir o turismo experiencial a través da paquetización da oferta e comercialización directa dos produtos das axencias de viaxe galegas. ‘Vive Galicia’, que así se denomina o programa, contén un total de 71 paquetes turísticos agrupados en doce tipoloxías, que permiten disfrutar das posibilidades turísticas que posúe a comunidade autónoma: ‘Elixe o teu camiño’, ‘Galicia, destino termal’, ‘Turismo cultural’, ‘Vive a aventura galega’, ‘O turismo náutico’, ‘A experiencia mariñeira’, ‘Ven ao Entroido’, ‘Turismo de golf’, ‘Os sabores de Galicia’, ‘Embárcate nos cruceiros’, ‘Turismo accesible’ e ‘O enoturismo galego’.