Patacas in vitro

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, asinou un convenio de colaboración con José Ramón Panete Fernández, responsable de Calfensa, para a produción in vitro de pataca de semente libre de virus destinada ao sector. O proxecto, que conta cun orzamento de preto de noventa mil euros, ten como obxectivo conservar e promocionar as variedades específicas de patacas cualificadas como de “interese estratéxico da Comunidade Autónoma de Galicia”, evitando o seu esmorecemento e desaparición en termos comerciais. A finalidade última é a de contribuír decisivamente á posta en marcha de mercados de produción e consumo destas variedades, poñendo aos produtores en condicións de ofrecelas ao público e motivando a súa adquisición polos consumidores.

A Consellería do Medio Rural financiará unha parte da formación aos técnicos de Calfensa, necesaria para a produción da semente e posterior comercialización da pataca. Tamén se compromete a promocionar a variedade Fina de Carballo e a iniciar estudos de cara á súa inclusión como unha das variedades acollidas á Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.