Lugo celebra as súas primeiras Xornadas Gastronómicas

O concelleiro de Turismo de Lugo, José Manuel Díaz Grandío, acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, o presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Francisco José Real, e o representante da Asociación de Industrias Elaboradoras Galegas de Agricultura Ecolóxica, Rafael Rivadulla, presentaron as Primeiras Xornadas Gastronómicas de Lugo. Trátase dunha nova iniciativa destinada a promoción dun dos atractivos turísticos da cidade, a gastronomía, e que se levará a cabo durante tres meses, decembro, xaneiro e febreiro. Poderán participar un máximo de 30 establecementos.

O concurso desenvolverase do sábado 22 de decembro ata o domingo 27 de febreiro. Os participantes deberán elaborar un menú que constará de 1º prato, 2º prato, pan e postre, cun prezo de 12 a 30 euros. As bases destas Primeiras Xornadas Gastronómicas de Lugo establecen tres modalidades de premios: Primeiro e segundo premio que se decidirán por votación popular mediante os votos que se introducirán nas urnas situadas nos establecementos participantes. Tamén se concederán dous premios “Muralla de Lugo”, que decidirá un xurado, para os menús que homenaxeen á Muralla no décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial. Finalmente, haberá dous premios extraordinarios ó mellor prato ecolóxico e o mellor prato Lugosabe.