Louzán reivindica o papel da Deputación en Peinador e Conde Roa pide o AVE para Lavacolla

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, sinalou que “grazas á Deputación, o aeroporto provincial de Peinador dispón hoxe da mellor oferta de voos a Madrid de todo Galicia”. Louzán destacou que “a Deputación fixo os deberes con Peinador” e preguntouse “canto investiu e que fixo Abel Caballero para potenciar o aeroporto”. O ribadumiense lembrou que a Xunta comprometeuse a manter o número de conexións actuais e a dispoñer do maior número de rutas posibles pero indicou que “o serio non é boicotear o Comité de Rutas senón traballar por apoiar e mellorar a proposta para Peinador tendo en conta que non se trata de ter rutas por telas senón porque son rendibles e teñen demanda”.

Pola súa banda, o concelleiro do PP de Santiago Gerardo Conde Roa ten claro que o principal problema de Lavacolla é a ausencia dun planeamento que permita atraer ás aeroliñas. Segundo recolle El Correo Gallego, o edil considera imprescindible conectar as grandes cidades galegas con Lavacolla a través do denominado AVE do Eixo Atlántico, e crear un tren lanzadeira que comunique o centro de Santiago co aeroporto. “Mientras todo esto siga faltando, Lavacolla no despegará del todo”, sinalou.