Loci Iacobi en Ourense

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, e o presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, presentaron hoxe en Ourense o programa de actividades que se desenvolverá na cidade das Burgas entre os días 24 e 26 de novembro no marco do proxecto Loci Iacobi: Lugares de Santiago, Lieux de Saint Jacques.

Este proxecto, do que a Consellería de Cultura e Turismo é xefe de fila a través da Secretaría Xeral para o Turismo, ten por obxectivo a investigación, promoción e dinamización turística e cultural do Camiño de Santiago como itinerario cultural de alto valor histórico nos territorios socios do proxecto. Estes territorios son, en concreto, a Diocese de Beja en Portugal, a Communauté d’Agglomération du Puy-en-Vélay en Francia e mais Galicia en España.

O Loci Iacobi resalta a capacidade de cohesión e de factor de dinamización do Camiño de Santiago nos territorios polos que discorre.