A gastronomía de outono cítanos esta fin de semana

Seguen a sucederse as citas gastronómicas típicas de outono. Para esta fin de semana destacamos varias propostas que poden ser do seu interese. No municipio ourensán de O Carballiño, concretamente no lugar de Cabanelas, celébrase este domingo a Festa do Viño Novo. A cita vén marcada este ano pola redución dos litros de viño recollidos, pero tamén pola súa calidade. Ás 12.00 horas terá lugar a degustación de viño e castañas, ao igual que ás 18.00 horas. A comida, que comezará en torno ás dúas da tarde, contará con polbo, carne ao caldeiro, chourizos con cachelos, viño e castañas.

E na cidade de A Coruña, os máis pequenos da casa teñen unha cita co obradoiro “Larpeirando na Coruña” este sábado. Organizaranse catro grupos de 15 nenos e nenas cada un, de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. O taller impartirase no Hotel Attica 21, polo cociñeiro da TVG Javi Freixeiro. Os cativos aprenderán a facer sobremesas dun xeito moi divertido. Poden atopar máis información na web www.larpeiradasdonaemilia.com.

E na provincia de Lugo a cita está no concello de Ferreira do Valadouro, que este domingo celebra Equiouro 2010, un evento equino con gran predicamento na zona, e, paralelamente, a sexta ruta das tapas, que terá precisamente a carne de poldro como referente.

Fóra do que é estritamente gastronomía, facémonos eco dunha actividade que realizará Adega este sábado, en colaboración co Foro do Camiño Primitivo, consistente na recuperación e sinalización dun treito da calzada histórica do Camiño de Santiago no Concello de Toques (A Coruña). A xornada completarase coa visita á Aula da Natureza de Souto, un roteiro polo Marco do Careón, a través do Camiño Primitivo, e un magosto popular na Eira da Xoana. O grupo de voluntarios e voluntarias partirá ás 11.00 horas desde a Praza do Convento do Concello de Melide cara ao lugar de actuación. Para participar é preciso chamar previamente ao 982240299 ou 638475322.