Galicia medra o dobre da media española no aloxamento de viaxeiros

Galicia duplicou nos dez primeiros meses de 2010 o incremento interanual rexistrado nese mesmo período no volume de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros a nivel nacional, segundo se desprende dos datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística. A comunidade galega contabilizou un incremento do 12,43% fronte ao 6,54% da media nacional.

Galicia rexistra, así, a segunda mellor cifra de crecemento do volume de viaxeiros –por detrás de Cataluña, que neste caso acumula unha suba do 12,6%- e a terceira de pernoitas –por detrás de Madrid e Cataluña, que ostentan o 12,9% e 11,5% nesta variable-. En canto ao mes de outubro, Galicia rexistrou un aumento do volume de viaxeiros do 12,87% respecto do mesmo período do ano pasado. As pernoitas situaronse nun 13,59% máis respecto a outubro de 2009. Son, segundo explica a Xunta, os mellores datos de outubro dos últimos anos pois nunca antes se rexistraran tales cifras de volume de demanda turística xustamente neste mes.

Segundo o INE, as Rías Baixas situáronse no sétimo lugar entre todos os destinos nacionais, con 95.046 viaxeiros en outubro.