Emilia Pardo Bazán e Regina Viarum, xuntos en Santiago

O Lar das Meigas, en Santiago, acolle esta tarde –a partir das 20.00 horas- unha sesión do curso “Cultura do viño, literatura e música”, que versará sobre Emilia Pardo Bazán e que ten á adega Regina Viarum como convidada. O condutor da sesión será Xavier Castro, quen afondará na presenza da cultura do viño na obra da escritora coruñesa.

As glosas e comentarios iranse entreverando co paladeo dos viños de Regina Viarum, adega que estará representada no acto por Iván Gómez. E para acompañar, serviranse pinchos compostos por pan campesiño de millo e de centeo e de friames de porco celta e castañas asadas. Tamén se recitarán algúns textos senlleiros de Pardo Bazán e proxectaranse documentais.