Carmen Pardo reafirma o apoio do seu departamento ao turismo experiencial

A secretaria xeral de Turismo reafirmou a aposta do seu departamento polo turismo experiencial. Fíxoo durante a primera das xornadas de postas en común do programa “Vive Galicia 2010” nas que participan as axencias de viaxes e que se celebrou en Vigo. Segundo Carmen Pardo, o obxectivo destes encontros, aos que se poden sumar as axencias galegas de viaxe que o desexen, é dobre: “trátase de apoiar unha faceta de negocio pouco explotada polas axencias, o receptivo, e tamén de pór en valor o destino”, dixo. Precisamente, tocante ao primeiro cometido, Carmen Pardo sinalou que reforzar o receptivo pode ser “un complemento en cuestión de ingresos, que aporte valor engadido ao produto final”, en consecuencia, “aumento do gasto e a estancia media dos nosos visitantes”, aseverou.

Respecto á promoción do paquete, a secretaria xeral enumerou as diversas accións específicas que xa se están desenvolvendo, como unha campaña específica, ‘Este Nadal regala Galicia’, enfocada a estas datas tan sinaladas, nos diferentes xornais rexionais de España, e as que se van desenvolver no futuro próximo. “Realizarase promoción específica destinada a público final en comunidades autónomas como Cataluña, a máis distante a nós, ou en feiras como Les Thermalies, en París, no mes de xaneiro, con atención especial aos paquetes termais do Vive Galicia”, sinalou.