Veterinarios Identificadores de SEAGA piden explicacións

Parte do colectivo de Veterinarios Identificadores de SEAGA achegouse, esta mañá, ata a Facultade de Veterinaria, no campus universitario lucense, para pedir explicacións sobre cales son os 'cambios reais' que pretende facer a Xunta de Galicia nos controis identificadores do gando vacún nas explotacións galegas. Estes traballadores, ademais dalgúns gandeiros da provincia de Lugo, aproveitaron a presenza de distintas autoridades e representantes da Xunta de Galicia, nas XX Xornadas Nacionais da Carne a da Seguridade Alimentaria, para denunciar as repercusións directas que terán ditos cambios na trazabilidade e na calidade alimentaria.

O delegado do Comité de Veterinarios Identificadores de A Coruña, Quirino Pisonero, presente nesta concentración, na capital lucense, explicou que houbo un cambio no sistema de identificación do gando vacún, no que 'coa falsa idea de prosperidade tecnolóxica, que non ten chegado a Galicia e moito menos ao medio rural', a figura veterinaria desaparece. A partires de agora existirán oficinas virtuais agrarias onde o gandeiro fará as identificacións do gando ovino, caprino e vacún, traballo que vimos desempeñando nós, dende hai 12 anos, e que con esta medida provocarán fraudes, equivocacións, vulneración da Lei de Benestar Animal e con todo unha diminución da calidade alimentaria.

Pisonero defende que o traballo deste colectivo é máis rápido e máis seguro e que, mesmo ten o amparo das opinións dos gandeiros, entre os cales están a recoller firmas para presentar ante Medio Rural.

Segundo estes traballadores a Xunta pon como escusa que 'non hai cartos' para prescindir de máis de 100 veterinarios, mediante un ERE que presentou hoxe a Consellería de Medio Rural 'uns despedimentos encubertos de xente que temos moreas de traballo que se acumulan, porque non cobren baixas, nin vacacións, e porque hai traballadores que xa foron despedidos e readmitidos por ditame xudicial e que os teñen na casa sen facer nada, por neglixencia'. Os veterinarios piden que se sosteña este servizo, porque din 'hai moitos gandeiros que non poden facer fronte ao novo sistema'. Ademais insisten en que o actual sistema é único a nivel español e europeo. 'O Partido Popular foi quen pediu polo servizo identificador, no ano 1998, co ideal de ser pioneros en calidade e trazabilidade e hoxe son eles mesmos os que din que non fai falta e que non hai cartos, sen ter en conta as graves consecuencias sobre o control dos animais que haberá cando non fagamos o noso traballo', critica.

Marisol Carreira, veterinaria afectada, asegura que pese as continuas informacións vertidas dende o goberno autonómico de que "todos" os programas de sanidade animal "se están aplicando exactamente igual", con todo e o recorte orzamentario das partidas dirixidas a ese fin, 'a Xunta minte, porque máis de 100 profesionais deste sector perderemos o noso traballo en toda Galicia, en xaneiro de 2011'.

Explica que os novos controis de calidade alimentaria e de saúde animal prescinden dos veterinarios. No canto das inspeccións, rexistros e identificacións de novas reses, que facían estes traballadores nas granxas, agora serán os gandeiros os que o fagan. 'O gandeiro non só lle terá que colocar o crotal ao becerro, senón que terá que acudir a oficina comarcal veterinaria, previo pago das taxas, para realizar o papeleo da identificación'.

Carreira advirte que estes cambios, 'modernización como quere chamarlle a Xunta', dificultarán o traballo dos gandeiros e mesmo encareceran os custes dos procesos de control. 'Os donos dos animais terán que desprazarse ata as oficinas comarcais para levar a cabo todos estes requirimentos, cos custes de transporte que supoñan as viaxes'.

'Pero o peor, segundo afirma esta traballadora, é que estas prácticas poden dar lugar a fraude. Hai algúns gandeiros que aproveitarán esta falta de control para mentir na data de nacemento do animal, para así poder vendelo máis novo'. Os cuxos deben de ter ao menos 15 días de nados, antes de poder transportalos para a súa venda, detallan. Deste xeito, os donos das reses poderán falsificar as datas e mesmo a pertenza das mesmas. É dicir que haberá xatos de menos de 8 días que se cargarán nos camións para ir ás feiras, coas terribles consecuencias que isto suporá para o animal. A Lei de Benestar Animal creouse para evitar precisamente o poñer en risco a saúde do animal, con esa idade o becerro sufre estres, baixada de defensas e mesmo pode morrer, no camión. Así mesmo, sinalan que se os propietarios son agora os que darán fe da procedencia do gando pode derivar na falsificación dos rexistros das razas (frisona, rubias, entre outros).

Estes veterinarios din que a peor das consecuencias é que deste xeito non haberá control ningún sobre os animais, porque aínda que se fagan inspeccións non hai persoal suficiente para avaliar os rexistros e certificalos; ademais os trámites pódense facer nunha oficina virtual o que complica máis aínda que os datos sexan verificados. Por outra banda ao escapárselle ese control á Xunta, esta tampouco saberá identificar, con seguridade, a procedencia dunha enfermidade cando apareza.