Martin Sheen presentará en Compostela a película que rodou no Camiño

O próximo 19 de novembro estrearase nos cines “The Way”, un filme dirixido por Emilio Estévez e protagonizado polo seu pai, Martin Sheen. A película, da produtora Filmax e que foi rodada durante sete semanas no Camiño de Santiago, está patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e pola Xunta de Galicia. Os dous artistas visitarán España uns días antes para presentar o último traballo no que participaron xuntos.

Antes da estrea, Santiago de Compostela, o próximo luns 8 de novembro, e Madrid, o mércores 10, serán os lugares onde o filme se dará a coñecer oficialmente. “The Way” narra a historia de Tom Avery, un reputado oftalmólogo que vive en California e un día recibe unha chamada desde Francia na que se lle comunica que o seu fillo Daniel faleceu nun temporal nos Pirineos. Desolado, Tom viaxa a Francia para recuperar ao seu fillo e descubre que Daniel comezara o Camiño de Santiago. Entón, decide facelo por el.