Mar e Cehosga colaborarán para potenciar os produtos da pescar artesanal e do marisqueo na restauración

A Consellería do Mar potenciará os produtos da pesca artesanal e do marisqueo da marca PescadeRías e da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia nos restaurantes de alta categoría de Galicia. Farao a través dun convenio de colaboración entre este departamento e a Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (Cehosga), valorado en 112.000 euros.

Así, promoverase o emprego destes produtos entre os establecementos de tres, catro e cinco garfos que sexan asociados de Cehosga, o que servirá para mellorar a valoración económica e potenciará a competitividade dos produtos amparados por ambas as marcas de calidade. O acordo contempla accións de información, promoción e formación continua entre os asociados para a incorporación, emprego e preparación dos produtos da marca PescadeRías na restauración galega. Ademais inclúe tamén a promoción do Mexillón de Galicia a través de xornadas gastronómicas, a creación do “premio á excelencia” na preparación de produtos procedentes da pesca artesanal e o marisqueo e unha páxina web.