Galicia sitúase como unha das comunidades máis dinámicas turisticamente

Galicia sitúase como unha das comunidades máis dinámicas do Estado dende o punto de vista turístico, segundo o Informe de Perspectivas Turísticas correspondentes ao balance empresarial do terceiro trimestre de 2010, realizado por Exceltur. Do estudo despréndese que Galicia rexistrou no periodo que vai de xuño a agosto deste ano algo máis de 3.200.000 pernoitas nos establecementos hoteleiros, cifra que supón un incremento do 10% en relación ao mesmo periodo do ano pasado.

En particular, as pernoitas dos españois en Galicia subiron un 7,7% nese mesmo período, por riba da media nacional que se situou só no 2,6%. En canto á demanda internacional, as pernoitas hoteleiras deste segmento de mercado incrementáronse un 22,6% tamén entre xuño e agosto, unha diferenza notable con respecto á media estatal, que quedou no 11,2%. Segundo datos de Frontur, os mercados alemán e italiano son os que creceron de forma máis importante neses tres meses.

Dentro da comunidade, destaca, grazas á celebración do Ano Santo, o comportamento observado na cidade de Santiago de Compostela, destino no que as pernoitas hoteleiras subiron un 15,2% no periodo estival sinalado, porcentaxe que se sitúa entre as máis elevadas dos destinos urbanos de España.