Galicia conta con cinco novas Festas de Interese Turístico

O Consello da Xunta vén de declarar como festas de interese turístico de Galicia, a Faguía de Carnés (Vimianzo), a Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar (O Pino), a Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes (Forcarei), a Festa de San Miguel e das Espadas (Marín) e a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis). A antigüidade dos eventos (dez anos de existencia como mínimo), a súa singularidade así como o arraigo e o seu valor cultural foron os criterios que se tiveron en conta á hora do seu recoñecemento oficial desde a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo.

A declaración dunha festa como de interese turístico autonómico ten importantes repercusións sobre a dinamización económica e social da localidade onde se celebra. Esta declaración constitúe, ademais, un recoñecemento especial ao acontecemento festivo, o que supón que acada unha difusión que transcende os ámbitos territoriais propios e contribúe á promoción de todos os recursos turísticos, tanto do lugar de celebración en si como da comarca na xeral na que se sitúa.