Fin de semana de Samaín, cervexa, fabas e mexillóns

A choiva non vai impedir que esta fin de semana sexa unha das máis festeiras do outono. Na localidade coruñesa de Carballo celébrase o Feirón de Outono, cita que aproveitará a hostalería local para desenvolver unhas xornadas adicadas á faba. Os establecementos servirán pratos elaborados con este legume durante toda a fin de semana.

En Pontevedra, pola contra, celebran a réplica galega do Oktoberfest alemán. O Outubro Fest e unha iniciativa do Pontevedra Rugby Club que se desenvolve na praza do Teucro, baixo carpa. Non faltarán as salchichas, o codillo con chucrut e a cervexa.

E na vila coruñesa de Boiro segue a desenvolverse o concurso de tapas de mexillón, incluido no Plan de Desestacionalización Turística que ten no bivalvo o seu pilar principal. Participan dez locais con propostas como unha lasaña de mazá con aguacate e mexillón ou unha brocheta de bivalvo con tempura de améndoa sobre crema de marisco. Os clientes poderán votar a mellor tapa.

Por outra banda, en Vigo estase a celebrar Expogalaecia, feira na que se dan cita un cento de expositores nacionais e internacionais, que representan arredor de 500 entidades públicas e privadas. A organización espera que pasen polo Ifevi estes días máis de 20.000 persoas. Este ano o 36% dos expositores proceden do estranxeiro, nomeadamente de Portugal.

E tamén en Vigo seguen a desenvolverse as “Xornadas Internacionais de Comunicación e Turismo: O Camiño de Santiago e o Xornalismo”, organizadas polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e incluídas dentro do Camiño da Reflexión de Xacobeo 2010. Os encontros serven para afondar no papel que teñen os medios de comunicación na difusión do Camiño de Santiago. Contan con poñentes como Miguel Anxo Murado, Miguel Anxo Seixas ou Xosé María G. Palmeiro.

Pero sen dúbida unha das citas máis agardadas por nenos e maiores é a noite do 31 de outubro, noite de Samaín. Serán numerosas as localidades galegas que acollerán procesións de caveiras e os máis cativos aproveitarán a ocasión para disfrazarse e meter medo aos seus veciños. Agardemos que o tempo non impida a celebración de todos os actos previstos.