Exito de productores inscritos nos primeiros meses na DOP Pemento de Herbón

“O Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón comeza a funcionar co obxectivo de traballar a prol da protección e expansión dun dos produtos máis emblemáticos, pero tamén máis imitado da nosa gastronomía”. Así o puxo de manifesto o seu presidente, José Ramón García Torreira no acto de presentación do Consello Regulador, que na tarde de hoxe, xoves 28 de outubro, reuniu en Padrón a máis dun cento de produtores, envasadores, representantes de institucións galegas, membros de consellos reguladores, e convidados do sector agroalimentario galego en xeral.

Durante a súa intervención o presidente do Consello Regulador destacou o balance satisfactorio dos nove meses que leva funcionando a Denominación. Desde que a DOP “Pemento de Herbón” acadara a súa regulación en decembro de 2009 e se constituíra o seu Consello Regulador, os produtores inscritos aumentaron de 34 aos 52 actuais; e de 3 a 5 almacenistas-envasadores; con máis de 13 Ha. en produción das 27 en total que están inscritas. “Para nós estes datos son moi indicativos das grandes expectativas que se crearon arredor da Denominación de Orixe, se consideramos que a zona de produción acollida é bastante limitada”, explica o presidente.

Pola súa parte, o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agrolimentaria da Xunta de Galicia, Ricardo Rivas Barros, animou a todos os produtores da área xeográfica a acollerse á denominación de orixe. “O pemento debe ser unha fonte importante de ingresos para este territorio, polo que o seu cultivo debe medrar acompasadamente coa conquista de mercados dentro e fóra de Galicia”, engadiu.

A Denominación de Orixe “Pemento de Herbón” ampara pementos cultivados exclusivamente nos concellos de Padrón, Dodro e Rois, na comarca de Sar; e Pontecesures e Valga, na de Caldas. O microclima da zona de produción e o xeito de cultivo, directamente sobre o chan, ao aire libre, ou baixo sinxelos túneles de plástico, definen unha das características principais do produto, que só
se poidan atopar no mercado no período do ano que vai de maio a outubro.

Os Pementos de Herbón distínguense tamén polas súas características morfolóxicas e organolépticas; pola súa lonxitude; pero sobre todo pola proporción dun esterol denominado estigmasterol, que aquí acada
un valor medio moi inferior con respecto ao que se obtén coa variedade comercial Padrón que se cultiva no Sur de España.

Os pementos amparados pola DOP “Pemento de Herbón” comercialízanse en envases de 400 gramos, que aparecen identificados coa marca comercial de cada envasador autorizado, xunto cunha etiqueta de codificación alfanumérica co logotipo da Denominación, e a expresión
“variedade Padrón”.