Comunicados de Vigo e Santigo sobre a problemáticas das líñeas de baixo coste

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, preguntado polos medios sobre as axudas ao aeroporto de Peinador por parte do Goberno galego para o mantemento das liñas aéreas, destacou que o que está a acontecer supón “o máis absoluto fracaso e ridículo da Xunta de Galiza”. Instou ao Comité de Rutas a desenvolver o Plan Estratéxico de Peinador elaborado pola Concellería de Turismo, tal e como respaldou por unanimidade o Parlamento galego.

Para o tenente de alcalde, a xestión aeroportuaria en Galiza “non se pode escudar no Comité de Rutas”, cando o Goberno galego decidiu hai un ano asumir en exclusiva as competencias ao respecto. Porén destacou que o Comité de Rutas ten que cumprir o mandato do Parlamento galego, que unanimemente votou a prol de atender ás necesidades do Plan Estratéxico elaborado pola Concellería de Turismo.

Segundo Santi Domínguez a Xunta investiu o ano pasado 4,5 millón de euros en poñer en marcha diversas liñas, “pero é un despilfarro que un ano despois lle bote a culpa ao Concello, que prioriza o gasto social e a promoción da cidade”. Neste sentido, destacou que dende o Concello de Vigo xa se está traballando na promoción da cidade a través do traballo da Fundación Vigo Convention Bureau e o Plan de Competitividade Turística.

“Ao Concello de Vigo non se lle pode pedir máis nestes momentos e a Xunta o que ten que facer é poñer os cartos enriba da mesa e “sobre todo as negociacións necesarias”. Cando teñan claro o que queren facer podemos falar incluso de colaborar”, manifestou.

Pola súa banda, desde Santiago, Conforme ás informacións publicadas e as manifestacións do voceiro do PPdeG no Concello, en relación co financiamento das subvencións ás liñas aéreas de baixo custo, o Goberno municipal aclara que:

1.- As liñas de low cost operan no aeroporto de Santiago de Compostela por dúas razón esenciais. A primeira, pola situación estratéxica desde o punto de vista turístico do noso aeroporto internacional, e a segunda grazas ás xestións e negociacións realizadas polo Concello de Santiago en solitario no pasado.

2.- O Concello de Santiago a través de INCOLSA mantivo estas operacións desde 2004 a 2009, ano no que rematou o convenio subscrito, e a Xunta decidiu asumir todas as competencias e decidir unilateralmente sobre as negociacións e subvencións.

3.- Como é sabido, en 2009 a Xunta deu por rematado o convenio que mantiña coa empresa municipal INCOLSA para o mantemento do servizo de Ryanair. Circunstancia que obrigou ao Concello a asumir esta responsabilidade durante ese exercicio.

4.- No ano 2010 a Xunta de Galicia fíxose cargo do convenio con Ryanair e, asemade, adxudicou unha subvención de 2.600.000 euros á empresa Vueling, para a posta en marcha de tres rutas internacionais en cada un dos tres aeroportos galegos. O reparto primaba cun millón de euros a Peinador, outro millón a Alvedro e seiscentos mil euros para o aeroporto compostelán. Rematado o verán Vueling, pechou este servizo pola baixa ocupación dos seus voos.

5.- Non existe ningunha constancia de que Vueling teña realizado ningún tipo de oferta en competencia con Rynair, como manifestan algunhas informacións.

6.- A cantidade de 2.600.000 euros, dos que se fala en relación cos voos de Alvedro, correspóndense coa subvención que o Concello da Coruña xa empregou nos últimos exercicios para o mantemento das liñas que operan no mesmo.

7.- Entendemos que, nin estamos ante unha poxa, nin cremos que o procedemento que se está a seguir sexa o máis acaído para atopar unha solución razoable.

8.- Unha vez máis, dende o Goberno municipal constatamos como o voceiro da oposición, Gerardo Conde Roa, antepón os intereses do PPdeG na Xunta á defensa dos intereses da cidade.