A Cidade interpretada chega a Santiago

Nove artistas internacionais transformarán Santiago de Compostela durante dous meses no marco do proxecto expositivo A Cidade Interpretada.

Estes creadores realizarán diversas intervencións artísticas de carácter temporal en diferentes lugares da cidade dentro desta iniciativa, comisariada por Pablo Fanego e que é froito da colaboración entre Xacobeo 2010, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Concellería de Cultura de Santiago de Compostela. A Cidade Interpretada contará coas intervencións do artista romanés Mircea Cantor; a parella holandesa Lonnie van Brummelen & Siebren de Haan; a francesa Latifa Echakhch; o austríaco Andreas Fogarasi; o romanés Daniel Knorr; o galego Rubén Santiago; o alemán Florian Slotawa e o neozelandés Michael Stevenson.

O proxecto, que se poderá contemplar ata o vindeiro 28 de novembro, foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa que contou coa participación do director xerente da S.A. de Xestión do Xacobeo, Ignacio Santos; o director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Miguel von Hafe; a concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Socorro García; o xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, e o comisario do proxecto, Pablo Fanego.