Taboada combate a choiva coa Queima das Fachas

As previsións meteorolóxicas non son demasiado positivas pero en Taboada están decididos a que non boten por terra unha das súas festas máis significativas: a Queima das Fachas. Un ano máis, o castro de Castelo será o lugar elixido para unha celebración que conta con máis de dous mil anos de antigüidade e que en 2008 foi declarada festa de interese turístico pola Xunta.

A Queima celebrarase ás 23.30 horas, cando os membros da comisión organizadora marquen o inicio do espectáculo prendendo lume ás antorchas, para o que empregarán unha especie de pértigas. Trátase dunha das celebracións máis espectaculares deste final de verán en Galicia.